Tuesday 17 de September de 2024

Banda Bassotti, Sínkope e Koma lideran o cartel do Flores Rock, que se celebrará o 30 e 31 de agosto


Gonzalo Castro presentou o festival, que se amplía este ano un día e conta con diferentes actividades para todos os públicos

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá o cartel completo do Flores Rock, que se celebrará no Barrio das Flores o venres 30 e sábado 31 de agosto. Banda Bassotti, Sínkope e Koma lideran un cartel no que o rock, o punk, o metal e o hardcore están moi presentes.
“As festas da Coruña van moito máis alá de María Pita e amosan a súa versatilidade con iniciativas como este Flores Rock, unha iniciativa que parte do Barrio das Flores e os seus veciños e que desde o Goberno de Inés Rey apoiamos activamente”, sinalou Castro. O edil estivo acompañado durante o acto de presentación de David Pujales e Paula Fernández, membros da Plataforma Vecinal Barrio das Flores.

Tamén actuarán durante as dúas xornadas outras bandas como Vantroi, Perpetual, Strikeback ou Deseqilibrio Mental. Ademais, Scarecrow e Declinare, primeira e segunda clasificada da batalla de bandas do Flores Rock, tamén ofrecerán un concerto o sábado 31.
Por outra banda, o sábado 31 tamén haberá, dentro do programa do festival, o Campamento Flores Kids, con prazas limitadas. As persoas interesadas en inscribir ás súas crianzas, nadas a partir de 2019, poderán facelo en kids.floresrock@gmail.com antes do 25 de agosto. Haberá diferentes actividades lúdicas para os máis pequenos e, ás 17.00 horas, actuará A Gramola Gominola.
Ademais, haberá postos de comida para todos os asistentes durante ambas xornadas. O Flores Rock celebrarase na praza do Sol Nacente e a entrada será de balde.
Horarios
Venres 30 de agosto
● 20.30 horas. Deseqilibrio Mental ● 21.45 horas. Vantroi
● 23.00 horas. Escuela de Odio ● 0.15 horas. Banda Bassotti
Sábado 31 de agosto
● 13.00 horas. Declinare
● 14.00 horas. Scarecrow
● 17.00 horas. A Gramola Gominola ● 19.10 horas. Strikeback
● 20.15 horas. Perpetual
● 21.30 horas Sínkope
● 23.15 horas. Koma
● 1.00 horas. Bestas